Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

01/07/2010

VIÑA Estado fenolóxico: (Grans tamaño chícharo) - Peche do acio
Mildeu: Ver Fotos

Mildeu larvado en acioComo indicamos no anterior aviso do 25 de xuño, apareceron síntomas de forma bastante xeneralizada en todas as bisbarras, con intensidade diferente segundo os terreos, aínda que ben é certo que existen parcelas onde non se atoparon. Nas plantas que mantemos sen tratamentos en toda a campaña, a enfermidade seguiu evolucionando, e xa practicamente non se atopan acios sans. Hai que ter en conta que, aínda que as condicións meteorolóxicas diúrnas son desfavorables ao desenvolvemento da enfermidade, a humidade relativa do aire é bastante elevada (en torno ao 60%, con máximos de 78-85%-85 en zonas do Salnés) e existe humidade foliar nocturna, co que non se están a dar as condicións para que os esporanxios deixen de ser viables e si condicións para a infección secundaria. Por este motivo, continuamos en situación de máxima alerta, mais considerando que a previsión meteorolóxica anuncia chuvias para o venres día 2, co que é imprescindible asegurarse de que as viñas están protexidas.

Débese confirmar a eficacia dos tratamentos efectuados comprobando que non existen novos síntomas nin zonas de avance nos órganos afectados nos días seguintes á intervención, tendo en conta, ademais, que as chuvias reducen o período de protección das funxicidas sistémicas e penetrantes, e lavan os de contacto.

Oidio: Ver Fotos

Oídio en acio de variedade tintaUncinula necator (Oidio da Viña) - Raxado da uva por oidioEspecialmente en variedades tintas e nalgunhas brancas moi sensibles a esta enfermidade continúan aparecendo síntomas, que en plantas que non reciben tratamento alcanzan xa ao 100% dos acios. Aínda a uva é sensible ás infeccións por este patóxeno, polo que tamén é necesario manter a protección das plantas aproveitando potenciais intervencións antimera.

É necesario ter en conta que o xofre, unha funxicida amplamente utilizada na loita preventiva fronte á enfermidade, non se pode utilizar cando as temperaturas son moi elevadas (da orde das que se están a rexistrar estes días nas horas centrais), polo que se se emprega, debe facerse a última hora da tarde ou primeira da mañá.

Trazas: Ver Fotos

Eupoecilia (Clysia) ambigüella en base engomadaNesta semana incrementáronse as capturas de Lobesia botrana na nosa parcela de seguimento do Condado (con 38 machos na trampa de feromona) pero non así os síntomas (postas ou penetracións) da súa actividade. Tamén recollemos machos de Eupoecilia ambigüella, neste caso nas parcelas de Tremoedo (15 individuos) e O Rosal (5). Polo momento non é necesario tratar.





Cicadélidos :Ver Fotos

Continúan incrementándose lixeiramente as capturas de cicadélidos nas trampas cromáticas, pero nin ou número de adultos recollidos nin as larvas aproxímanse de momento aos limiares de tolerancia. Non é necesario tratar.

Ácaros:Ver Fotos

Viña con bronceado característico do ataque de ácaros Nesta semana non observamos máis síntomas da presenza de ácaros en viñedos da provincia, pero cómpre manter a vixilancia posto que as condicións climáticas destes días son favorables ao desenvolvemento destes artrópodos. En calquera caso, é necesario confirmar a súa presenza na viña antes de tomar calquera medida, e tratar en caso afirmativo.



Enfermidades da madeira :Ver Fotos

Complexo eutypa e complexo yesca - Síntomas en vexetaciónCoa suba de temperaturas dos últimos días, estanse a empezar a manifestar nalgunhas plantas síntomas que apuntan a enfermidades de madeira. Como indicamos todos os anos, cómpre ir marcando estas plantas para actuar no seu momento segundo as recomendacións que proporcionaremos para este tipo de plantas.



MACEIRA
Moteado: Ver Fotos

Manchas incipientes de moteadoNo caso de ter finalizado o período de protección do tratamento anterior, cómpre renovalo, posto que as temperaturas elevadas unidas á humidade foliar que se rexistra nas horas nocturnas son condicións favorables á enfermidade (ademais, anúncianse precipitacións).




Cydia pomonella: Ver Fotos

As condicións ambientais destes días son favorables ao desenvolvemento deste lepidóptero, co que é necesario manter a protección se non se efectúa o seguimento das curvas de voo en trampas de feromona (nesta semana superouse o albor nas nosas trampas, polo que aplicaremos un tratamento) ou da presenza de froitos abichados.

CASTIÑEIRO
Lymantria dispar: Ver Fotos

Eirugas de Lymantria dispar e danos en castiñeiroInformáronnos de que nalgunhas zonas da provincia de Ourense se están a observar danos producidos por eirugas de lagarta peluda (Lymantria dispar). Trátase dun defoliador que pode afectar tamén a outras especies forestais e froiteiras e que pode devorar completamente as follas. Segundo nos comentaron, boa parte das eirugas xa están nos últimos estadíos de desenvolvemento. A maioría dos insecticidas rexistrados para o seu control (Bacillus thuringiensis, azadiractin, diflubenzuron, flufenoxuron,…) son reguladores ou inhibidores do crecemento dos insectos, e polo tanto eficaces sobre os primeiros estadíos, polo que se non é este o caso unicamente pode ter eficacia os fitosanitarios a base de indoxacarb, materia activa tamén rexistrada para este uso.

Tortrícidos do froito:

Adulto de Pammene fasciana Adulto de Cydia splendanaEstamos a ter capturas nas trampas de feromona de Pammene fasciana, o tortrícido precoz da castaña, e de Cydia splendana, o tortrícido tardío, pero non de Cydia fagiglandana que non obstante tamén se está a recoller en zonas produtoras de Ourense.