Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

28/07/2011

VIÑA Estado fenolóxico: M1-M2 (Inicio do envero - Envero)

NOTA: Segundo está previsto, a vendima adiantarase esta campaña unha media de 2-3 semanas fronte ó ano anterior (nalgunhas bodegas xa estableceron as súas datas límite de tratamentos). Por este motivo, naqueles casos nos que aínda hai que realizar algunha intervención deberase prestarlle moita atención ó prazo de seguridade dos fitosanitarios elixidos, que debe ser estritamente respectado.

Mildiu:

Na visita realizada esta semana ás nosas parcelas de seguimento non observamos signos da enfermidade. Aparecen unicamente de forma moi limitada e incipiente nalgunhas follas terminais das plantas que non se trataron en toda a campaña. Polo tanto non é necesario aplicar ningún tratamento e, á vista de como se desenvolveu esta campaña, non é probable que se efectúen máis intervencións.

Oidio:

Manchas de oídio en folla de albariñoMantense a presenza de síntomas nas plantas testemuño, nas cales incluso incrementaron lixeiramente a súa intensidade. En calquera caso, dado que o fungo xa non pode afectar o acio e que non se observan síntomas na vexetación das plantas que si reciben tratamentos, non será necesario tratar.

Botrytis cinerea:

As condicións climáticas destes días (sol, humidade relativa baixa e ausencia de precipitación e humidade foliar) non son favorables á enfermidade. Ademais, segundo a previsión meteorolóxica, espérase que continúe o tempo seco e caloroso na próxima semana, co que non é necesario tratar. Así e todo, nas variedades máis sensibles ó patóxeno aínda poden producirse danos se se rexistra un cambio nas condicións ambientais, polo que de momento se aconsella manter a vixilancia.

Couza do acio:

As capturas de couzas mantéñense en niveis reducidos nas nosas parcelas de seguimento (aínda que con lixeiros incrementos nalgúns casos) e tampouco se encontran novos signos de actividade larvaria. Polo tanto non é necesario tratar.

Cicadélidos:

Os niveis de cicadélidos en trampas e en folla son reducidos, en xeral, nesta campaña. De momento non capturamos ningún adulto de Scaphoideus titanus nas parcelas da zona sur de Pontevedra nas que temos instalado o trampeo específico, pero xa pronto poden empezar a capturarse segundo a experiencia doutros anos (ata agora tampouco localizamos ninfas). Non é necesario tratar.

Scaphoideus titanus capturado en trampa cromáticaCicadélidos - Femia de Scaphoideus titanusScaphoideus titanus é un homóptero cicadélido de orixe americana cuxa planta hóspede, en Europa, é a vide. A pesar de non causar danos directos sobre o cultivo ten unha grande importancia por ser o único vector do fitoplasma responsable da flavescencia dourada (FD), enfermidade de corentena que pode levar á morte das plantas e que xa se detectou no norte de Portugal. En Galicia non observamos a enfermidade pero si, desde 2007, o insecto

Despois de invernar en forma de ovo baixo a cortiza ó longo da primavera desenvólvense as ninfas de Scaphoideus titanus; desde o verán poden aparecer os adultos. Todos os estados se alimentan succionando zume das plantas, de maneira que se un insecto ataca unha planta portadora de enfermidade adquire o fitoplasma e pode infectar outras. Os síntomas da flavescencia dourada non son específicos, pero entre eles están a debilidade dos pámpanos, a colocación das follas en forma de tella, a perda de inflorescencias e, incluso, a morte das plantas afectadas.

En Galicia realízanse programas específicos de detección de S. titanus desde 1999; en 2007 encontrouse por primeira vez nunha trampa instalada no concello de Crecente (Pontevedra) e, desde entón, capturáronse adultos todos os anos, aínda que sempre en baixo número, na comarca do Condado (en 2009 tamén no Rosal). Nunca se detectou o fitoplasma nin nos insectos nin en mostras de planta.

Trips:

Seguimos encontrando máis parcelas con fortes síntomas de trips, cuxa presenza confirmamos no laboratorio. Da mesma forma, recibimos máis mostras, da comarca do Salnés, con abundantísimas ninfas destes insectos. Por outro lado, informáronnos de que nalgúns diagnósticos de campo se confundiu a sintomatoloxía coa causada por ácaros, polo que se insiste en que é moi importante confirmar de que praga se trata para actuar en consecuencia.


Síntomas do ataque de trips na vexetación novaPunteaduras necróticas e entrenós curtos por tripsDetalle dos síntomasSíntomas na uva
Ácaros:

En ningunha das nosas parcelas de seguimento se observan síntomas da presenza de ácaros e tampouco recibimos mostras positivas na Estación. Aconséllase, coma sempre, confirmar a súa presenza en caso de síntomas e cuantificar as súas poboacións para determinar a conveniencia de tratar ou non, sobre todo considerando o longo prazo de seguridade dalgúns acaricidas.

MANZANO
Moteado:

As condicións climáticas destes días non son favorables á enfermidade e non se observan novos síntomas. Non é necesario tratar.


Couza da maceira:

Nalgunhas parcelas volveuse superar o límite de tolerancia por capturas de adultos nas trampas. Polo tanto, e debido a que esta praga pode causar danos mentres as mazás están nas árbores, recoméndase manter a protección, respectando sempre os prazos de seguridade dos insecticidas empregados nos tratamentos.