Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

04/08/2011

VIÑA Estado fenolóxico:M2 - N ( Envero - Maduración)

NOTA: Segundo está previsto a vendima adiantarase esta campaña unha media de 2-3 semanas fronte ó ano anterior (algunhas bodegas xa estableceron as súas datas límite de tratamentos). Por este motivo, naqueles casos nos que aínda se deba realizar algunha intervención deberáselle prestar moita atención ó prazo de seguridade dos fitosanitarios elixidos: este prazo debe ser estritamente respectado.

Mildiu:

Manchas incipientes a final da campañaAs condicións climáticas dos días pasados non foron especialmente favorables á enfermidade, aínda que xa se rexistra humidade foliar nocturna e se incrementou a humidade relativa pola chegada dunha nova perturbación, co que observamos o desenvolvemento de pequenas manchas de aceite con lixeira esporulación sobre os novos crecementos en todas as comarcas. Segundo as previsións a partir do próximo luns tenderá a estabilizarse a climatoloxía, co cal non se espera que esta infección teña maior incidencia dado que, ademais, os acios xa non son sensibles.

Oidio:

Manchas de oídio en folla de albariñoObservouse un incremento na porcentaxe de follas ocupadas por oídio, que nalgúns casos afectan tamén a plantas que recibiron tratamentos. Pese a isto, non é necesario tratar debido a que o fungo xa non afecta o acio e non pode comprometer a cantidade nin a calidade da colleita.

Botrytis cinerea:

Instalación de botritis en acioCo cambio rexistrado na climatoloxía, e o incremento de azucres na uva, hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno en acios con feridas e/ou de variedades sensibles. Se se mantivo unha boa sanidade da uva non é probable que se produzan danos pese a que se produzan condicións favorables á enfermidade, pero puntualmente pode ser necesario tratar para evitar eses danos. No mercado existen funxicidas antibotríticos que aínda se poden aplicar (salvo nos casos nos que as bodegas limiten os tratamentos) polo seu menor prazo de seguridade, como ciprodinil + fludioxonil (7 días) ou fenhexamida (14 días).

Lembren que é imprescindible respectar o prazo de seguridade dos fitosanitarios que se empregan e que a norma para o caso da botrite é non superar os 21 días antes da vendima.
Couzas do acio:

Grans atacados por larva de trazaEn boa parte das parcelas incrementouse lixeiramente o número de capturas (de forma notoria na Modia), que xa corresponden ó terceiro voo de couzas. Non obstante, coa proximidade da vendima non se esperan danos directos por penetracións, e estas só poderían ter efecto sobre a incidencia de botrite.

Cicadélidos:

Tampouco nesta semana se incrementaron as capturas de Empoasca vitis e de Zygina rhamni nas trampas instaladas nas nosas parcelas de seguimento. Ademais, non observamos adultos en voo nin ninfas nas nosas mostras directas ás follas. Por outro lado, aínda non se capturaron os primeiros adultos de Scaphoideus titanus.


Trips:

Desde hai tres semanas estanse a observar claramente os síntomas destes insectos, non habituais nos nosos viñedos, en numerosas parcelas da comarca do Salnés. Nas mostras que tomamos esta semana seguimos encontrando un número moi importante de ninfas pero poucos adultos. A especie causante destes síntomas é a Drepanothrips reuteri (identificámola en laboratorio). En caso de que sexa necesario tratar pódese aplicar spinosad (14 días de prazo de seguridade) ou metiocarb (non procede prazo de seguridade en viña).

En calquera caso é moi importante confirmar a presenza e contía da praga antes de adoptar calquera decisión de tratar.
Punteaduras necróticas e entrenós curtos por tripsAdulto de Drepanothirps reuteri en folla de viñaNinfas de Drepanothrips reuteriODrepanothrips reuteri é un tisanóptero polífago de orixe europea. Está presente en varios hóspedes leñosos e arbustivos (carballo, abeleira) pero aparece con maior frecuencia sobre o xénero Vitis. De feito, é o único trips descrito sobre a vide capaz de producirlle danos económicos de importancia.

Estes insectos aliméntanse succionando os zumes celulares, co que limitan o desenvolvemento dos tecidos, de forma que as follas presentan ondulacións, vultos, rachaduras... Antes, aparecen vetas e manchas necróticas nas follas e nos brotes. Nos casos de poboacións elevadas pode haber danos no acio.

Ácaros:

Recibimos unhas mostras da comarca do Salnés con presenza de araña vermella, a pesar de que as poboacións son moi baixas (nas parcelas da nosa rede non se observan síntomas). En xeral, os ataques de ácaros nesta campaña son puntuais; se antes da vendima fose necesario realizar algún tratamento poderíase aplicar xofre (non procede prazo de seguridade) ou fenpiroximato (14 días de prazo de seguridade).

Outros:

Aspecto de acios con golpe de sol en maduraciónDetalle do acio en maduración con golpe de solNaquelas plantacións con acios moi expostos e con síntomas por golpe de sol os grans están tomando un aspecto similar a unha podremia, que de momento se debe exclusivamente á cor tostada da pel e ó engrosamento das uvas. Así e todo, recoméndase vixiar a súa evolución, debido a que se rompe a pel pode favorecer a instalación de botrite.

MACEIRA
Moteado:

Froito con síntomas de moteadoCo cambio rexistrado na climatoloxía increméntase o risco de infección por este patóxeno, que pode afectar as árbores ata o final do período vexetativo. Por iso, se aparecen novas manchas nas follas ou nos froitos hai que renovar a protección despois das chuvias, sobre todo en variedades sensibles.



Recorden que hai que respectar sempre os prazos de seguridade dos fitosanitarios empregados nos tratamentos.
Couza da maceira:

Tamén as couzas poden afectar as mazás ata o momento da colleita, polo que se recomenda non descoidar os tratamentos se se tiveron danos ó longo da campaña (respectar sempre o prazo de seguridade dos produtos empregados antes de recoller o froito).

Outros:

Mazás arredor dunha maceira en fase de podremiaFroito momificado polo ataque de Monilia spCo incremento da humidade relativa e a chegada de precipitacións débense retirar do chan as mazás caídas (e tamén aquelas que se encontren con picaduras nas árbores) para evitar a súa podremia e a instalación de patóxenos como botrite ou monilia, que poden chegar a afectar a potencial colleita.