Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

11/08/2011


Debido ó avanzado da campaña esta semana concluímos a emisión dos avisos fitosanitarios semanais. En calquera caso, seguiremos emitindo diversa información fitosanitaria aínda que non sexa con periodicidade semanal

Queremos agradecer moi especialmente a colaboración dos propietarios das parcelas da nosa rede de seguimento e dos técnicos que nos proporcionaron informacións relativas ás súas leiras.

VIÑA Estado fenolóxico: N (Maduración)

Nota sobre a maduración.- As bodegas da provincia xa están fixando as datas previstas de vendima nas súas parcelas sobre a base das análises que realizan. Para aqueles viticultores que non estean acollidos a ningunha bodega achegamos, a modo de referencia, as medicións do grao alcohólico obtido en mostras de uva albariña recollidas esta semana nas nosas parcelas de seguimento:

- Comarca do Salnés.- Tremoedo: 9.13º; A Modia: 10.12º; Castrelo: 10.53º
- Comarca do Rosal.- Rosal: 10.86º
- Comarca do Condado.- Vide: 11.29º
- Comarca de Soutomaior.- Soutomaior: 10.93º

Mildiu:

Esporulación inviable en mancha de aceiteAs novas manchas cuxa aparición referimos no aviso anterior non evolucionaron e, de feito, os esporanxios que presentan xa non son viables, con toda seguridade debido ás elevadas temperaturas que se rexistran e á baixa agresividade que presentou o patóxeno nesta campaña. Con todo isto, a pesar de que as previsións meteorolóxicas anuncian certa inestabilidade de cara ó domingo, é pouco probable que apareza un número elevado de manchas nos brotes novos, co que este ano pode evitarse (en principio) o tratamento cúprico que adoitamos recomendar para despois da vendima.

Oidio:

A incidencia desta enfermidade foi elevada nesta campaña, o cal supón un incremento do risco de ataque para a próxima temporada de cultivo, aínda que outros factores (a meteoroloxía principalmente) tamén influirán. Naquelas leiras nas que este ano houbese unha forte presenza pódese aplicar un antioídio despois da vendima (a eficacia de posibles tratamentos nese momento non está totalmente contrastada pero sempre reducirá o nivel de inóculo).

Botrytis cinerea e outras podremias do acio:

Unicamente vimos lixeiras trazas de podremia gris en grans moi illados de acios de variedades sensibles. A práctica ausencia desta enfermidade e doutras patoloxías típicas da maduración (podremias ácidas) neste momento débese á estabilidade climática que se está rexistrando e que, en xeral, parece que se vai manter nos próximos días (salvo un lixeiro cambio o domingo, segundo apuntan as previsións). Por este motivo, e atendendo á proximidade da vendima, xa non se recomendan tratamentos pois non se esperan danos de importancia, en especial considerando que a uva está en bo estado, en xeral, nesta campaña.

Couzas do acio:

Posta de Lobesia botrana en acio de AlbariñoNesta semana incrementáronse sensiblemente as capturas de Lobesia botrana, sobre todo na Modia, onde se superaron os 100 machos recollidos. Tamén o número de postas incrementou pero, debido á proximidade da vendima, xa non se espera que as eirugas que nazan poidan causar ningún dano.

Cicadélidos:

Ó igual que en toda a campaña as capturas de cicadélidos Empoasca vitis e Zygina rhamni nas trampas mantivéronse en niveis baixos nas nosas parcelas de seguimento. Por outro lado, seguimos sen recoller os primeiros adultos de Scaphoideus titanus, o que, en caso de producirse, indicaremos nun novo aviso.


Trips:

Punteaduras necróticas e entrenós curtos por tripsAdulto de Drepanothirps reuteri en folla de viñaNinfas de Drepanothrips reuteriPara a próxima campaña haberá que prestar moita atención desde o brote ó ataque destes insectos, que este ano estiveron presentes en varios viñedos do Salnés no último mes e que, esta semana, encontramos igualmente en varias viñas do Condado e O Rosal. En todos os casos, salvo naqueles viñedos que xa recibiron tratamentos, as poboacións están formadas principalmente por estados ninfais que se encontran moi activos, polo que onde estea confirmada a presenza desta praga é recomendable aplicar un tratamento insecticida tras a vendima.

Ácaros:

Nesta campaña apenas se observou a presenza de araña vermella nas viñas, tan só se poden destacar lixeiramente as poboacións de Calepitrimerus vitis (acariose) que houbo en parcelas moi puntuais. En caso de que se desexe confirmar a contía das poboacións invernantes, nas que houbese síntomas na campaña, será aconsellable recoller mostras no momento da poda para analizalas.

Outros:

Complexo eutypa e complexo yesca - Síntomas en vexetaciónRecorden que é moi importante marcar aquelas cepas que manifesten síntomas de patoloxías da madeira neste momento para tratalas separadamente das demais no momento da poda.

MACEIRA
Moteado:

Froito con síntomas de moteadoDanos no froito do Moteado da maceiraNon atopamos novas manchas nas plantas das nosas parcelas de seguimento, pero si é certo que esta semana recibimos varias mostras de mazás con danos polo patóxeno. Segundo as previsións meteorolóxicas para os próximos días non se esperan condicións favorables á enfermidade, pero naquelas parcelas nas que houbese danos importantes será conveniente aplicar un tratamento despois de recoller a froita.

Couza da maceira:

Continúa o voo deste lepidóptero, cuxas eirugas poden causar danos ata o mesmo momento da recolección. Como xa dixemos en repetidas ocasións, unha boa práctica cultural para reducir a poboación de cara á próxima campaña é colocar bandas de cartón ondulado arredor dos troncos para atrapar as larvas que se retiran a invernar e retiralas e destruílas no inverno.

Ácaros:

Bronceado das follas debido a Panonychus ulmiEn xeral, este ano apenas houbo ataques de araña vermella nas maceiras. Non obstante, naquelas parcelas que si os tiveron é recomendable aplicar un tratamento despois de recoller a froita para limitar a posta de ovos (forma de invernación de Panonychus ulmi).