Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

20/04/2011

VIÑA Estado fenolóxico: G (acios separados)
Mildiu:

Atopamos manchas de aceite (entre 1 e 4 segundo a parcela) en todas as viñas de seguimento do Salnés (onde xa se realizara un tratamento) e unha tamén na do Condado. Presentaban unha esporulación incipiente e, de feito, as condicións climáticas que se rexistran desde o luns 18 son moi favorables á enfermidade. As diferentes previsións meteorolóxicas anuncian chuvias ou chuvascos e temperaturas suaves ata o final da semana, condicións sumamente propicias ó patóxeno, polo que será necesario tratar en canto se estabilice a climatoloxía para protexer os acios, extremadamente sensibles á enfermidade nestes momentos da campaña.
Recorden que os funxicidas penetrantes e os sistémicos son óptimos neste momento e non sofren lavado se se rexistra precipitación unha hora despois da intervención.

Altica quercetorum:
Adultos de Altica quercetorum apareándosePosta e larvas de diferentes estadios en folla de albariño
Observamos os primeiros adultos e as primeiras postas deste insecto na nosa parcela de seguimento do Condado. Xa nos anos anteriores detectaramos poboacións na mesma parcela e nalgunha outra da zona, en xeral sen causar danos importantes, pero é conveniente coñecer os seus síntomas e seguir a súa evolución. Para máis información consulte a nosa ficha técnica nº 53: "Altica quercetorum"



Couzas do acio:
Eupoecilia (Clysia) ambigüella en base engomada
Xa se teñen capturas de couzas do acio (tanto de Lobesia botrana coma de Eupoecilia ambigüella) nas trampas de feromonas pero non se observan máis signos da súa actividade



MACEIRA
Moteado:
Manchas incipientes de moteado
Apareceron manchas incipientes da enfermidade en plantas de variedades sensibles. En calquera caso, as condicións ambientais destes días favorecen as infeccións polo que se recomenda tratar en canto cesen as chuvias.



Couza da maceira:

Xa tivemos as primeiras capturas na trampa de feromonas instalada na nosa leira de Areeiro e informáronnos de máis capturas noutras trampas. Como indicamos outros anos, os niveis de praga poden ser diferentes incluso en parcelas próximas dunha mesma comarca pero, debido a que a situación neste momento parece xeneralizada, aconséllase tratar se aínda non se realizou ningunha intervención e houbo danos en campañas anteriores.



KIWI
Bacteriosis:
Ataque de Pseudomonas syringae en kiwi
O kiwi é sumamente sensible a estas enfermidades no momento da floración. Dado que neste momento as plantas presentan os botóns florais (estado fenolóxico E) , recoméndase aplicar un tratamento para previr os danos por estas patoloxías. Os produtos rexistrados para este fin son a base de cobre; con todo, en experiencias realizadas en Areeiro deu bos resultados a aplicación de peróxido de hidróxeno 25% a doses de 1 litro en 100 litros de auga.

Para máis información consulte as nosas fichas técnicas número 59: "Pseudomonas syringae pv actinidiae responsable del chancro bacteriano en Actinidia spp." e número 58: "Pseudomonas syringae pv syringae y P. viridiflava en Actinidia spp. en Galicia".



PATACA
Epitrix similaris:
Adulto en planta de patacaSíntomas da alimentación dos adultos
Sobre plantas xa desenvolvidas observamos os primeiros adultos e os primeiros síntomas da súa actividade en diferentes comarcas, incluso nalgunhas zonas nas que non se detectara a praga o ano anterior. De momento a súa presenza é puntual pero convén iniciar a vixilancia. Para máis información consulte a nosa ficha técnica nº 54: "Epitrix similaris Gentner"



Mildiu:

Despois destas chuvias será necesario renovar os tratamentos funxicidas que se aplican fronte a esta enfermidade, non esquecendo mollar as follas incluso polo envés.



CAMELIA
Chloropulvinaria floccifera (Cochinilla algodonosa da camelia):
Chloropulvinaria floccifera (Cochinilla algodonosa da camelia) - Femias con ovisaco no envés
Estamos observando as primeiras femias con postas no envés das follas de moitas camelias. No aviso correspondente ó 8 de abril anunciabamos a presenza de femias novas e agora están desenvolvendo os sacos nos que portan os ovos. Para evitar danos no futuro (recordar que unha poboación importante implica instalar fungo negrilla sobre a melaza que produce o insecto) recoméndase aplicar un insecticida rexistrado en camelia. Polo momento no que estamos (brotación) é conveniente recorrer a un insecticida sistémico.



BUXO
Roya:
Puccinia buxi - Síntomas na planta
En sebes de toda a provincia estanse empezando a observar as características pústulas deste patóxeno. Para limitar a súa extensión recoméndase aplicar un tratamento cun funxicida rexistrado para roya en ornamentais leñosas (se ten algunha dúbida consúltenos).



EUCALIPTO
Gonipterus scutellatus:
Ootecas de Gonipterus nun gromo de eucalipto
Nos eucaliptos de boa parte de Galicia estase a observar unha moi elevada densidade de postas deste defoliador e en varias zonas xa están a emerxer as larvas. É entón un bo momento para realizar liberacións do parasitoide Anaphes nitens (a Administración e algunha empresa do sector tamén as están a realizar). Por outra parte, para o control de larvas unicamente existe un insecticida rexistrado en España: flufenoxuron.