Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

25/11/2011



FROITEIRAS
Tratamentos de inverno:

Tratamentos de invernoDebido á climatoloxía da campaña do 2011 non houbo unha elevada incidencia dalgunha das enfermidades habituais nas froiteiras na nosa zona. Aínda así, sempre é conveniente aplicar tratamentos de inverno para reducir o inóculo para a próxima temporada e para protexer as feridas producidas coa caída das follas, que son vías de entrada para patóxenos. Tras as precipitacións rexistradas nas últimas semanas, coa previsión de que o bo tempo se pode manter polo menos ata ben entrada a semana próxima e á vista de que a maioría das froiteiras están cun 50-80% das follas caídas, é agora un bo momento para realizarmos a primeira intervención. Débense aplicar doses altas de funxicidas de cobre, que poden ser renovadas en dúas ocasións máis ó longo do inverno, sempre que as temperaturas non sexan excesivamente baixas e non exista previsión de xeadas para os días sucesivos.

No caso do kiwi, co fin de evitar a introdución e/ou propagación das bacterioses que lle afectan, como Pseudomonas syringae pv actinidiae, responsable do cancro bacteriano, é moi importante a aplicación destes tratamentos de inverno. En experiencias realizadas en Areeiro deu bos resultados para este fin o peróxido de hidróxeno (auga osixenada) 25%, cunha dose dun litro en 100 litros de auga.

VIÑA
Enfermidades da madeira:

Este complexo de fungos estalles a afectar cada vez máis ás nosas viñas. Son patóxenos que penetran a través das feridas da poda, polo que a prevención é fundamental (de feito, coas podas esténdese a enfermidade dunhas plantas a outras). Malia tratarse dunha práctica pesada, É IMPRESCINDIBLE DESINFECTAR AS TESOIRAS DE PODA (con lixivia, auga osixenada ou alcohol de queimar) para evitar a dispersión destas patoloxías. Ademais, débense seguir as seguintes recomendacións:

  • podar en tempo seco e, de ser posible, sen previsión de chuvias
  • evitar cortes grosos na poda e protexer as feridas cun mastic cicatrizante con funxicidas
  • realizar os cortes limpos e evitar esgazaduras
  • eliminar as ramas mortas e os restos da poda

Tamén, de marcarse na campaña as plantas que presentaban síntomas, estas débense podar sempre despois das que estean sas e o máis tarde posible, así como extremar ó máximo as precaucións indicadas e despois destruír todo o material leñoso afectado.

INSECTOS EN VIVENDAS
Chlorops pumilionis:

Diferentes vistas do insectoVista lateral do adulto de Chlorops pumilionisVistas ventral e dorsal de Chlorops pumilionisEsta semana recibimos unha mostra composta por multitude de adultos desta especie que se encontraron nas paredes dunha vivenda dun municipio da provincia. Trátase dun díptero (mosca), praga dos cereais cultivados e espontáneos (as súas larvas aliméntanse dos tecidos tenros destas plantas), que nos últimos anos, nesta época, está a aparecer puntualmente nalgunhas poboacións de Pontevedra. A súa presenza é moi aparente xa que adoitan ser miles de individuos os que voan en grupo e se pousan en muros e paredes, pero non lles causan alerxia ás persoas. O seu control acostuma a ser complicado debido á contía das súas poboacións; pódense usar insecticidas xerais de tipo piretroides ou clorpirifos (en caso de dúbida deberase consultar a un técnico).

Leptoglossus occidentalis:

Adulto de Leptoglossus occidentalisIgual que o insecto anterior, tamén nesta época se poden ver os adultos desta especie de praga de coníferas nalgunhas vivendas. Non adoita aparecer un número elevado de individuos pero si pequenos grupos (mesmo un ou dous) que buscan refuxio para o inverno. Este insecto, presente en Galicia dende 2010 (como indicamos no aviso fitosanitario do día 12 de setembro), tampouco lles causa alerxias ou outras alteracións ós humanos.