Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

Sep13

Viña
   

Sep06

Viña e Maceira
   

Ago30

Viña e Maceira
   

Ago23

Viña, Maceira, Tomateira, Buxo e Plátano de sombra
   

Ago16

Viña, Maceira, Marmeleiro, Varias froiteiras, Piñeiro, Buxo e Plátano de sombra
   

Ago09

Viña, Maceira, Cítricos, Froiteiras de oso, Varias froiteiras e Castiñeiro
   

Ago02

Viña, Maceira, Castiñeiro e Piñeiro
   

Xul26

Viña, Maceira, Marmeleiro, Plantas ornamentais e Piñeiro
   

Xul19

Viña, Maceira, Plantas ornamentais e Plátano de sombra
   

Xul12

Viña, Maceira, Pereira, Marmeleiro, Froiteiras de óso, Pataca e Plátano de sombra
   

Xul05

Viña, Maceira, Pereira, Froiteiras de óso, Diversas hortícolas, Pataca e Buxo 
   

Xuñ28

Viña e Maceira
   

Xuñ21

Viña, Maceira, Cerdeira, Tomateira, Pataca e Evónimo
   

Xuñ14

Viña, Maceira Nogueira, Piñeiro e Salgueiro
   

Xuñ07

Viña, Maceira e Buxo
   

Xuñ01

Viña
   

Mai31

Viña, Maceira e Varios cultivos
   

Mai24

Viña, Maceira, Kiwi, Melocotoeiro e Camelia
   

Mai18

Viña, Maceira, Marmeleiro e Kiwi
   

Mai15

Piñeiro
   

Mai10

Viña, Maceira, Kiwi, Camelia e Cultivos hortícolas
   

Mai09

Viña
   

Mai04

Viña
   

Mai03

Viña, Maceira e Cultivos hortícolas en xeral
   

Abr27

Viña, Maceira, Pereira, Ameixeira, Pataca e Cultivos hortícolas en xeral
   

Abr16

Varios Cultivos
   

Abr13

Viña, Maceira, Kiwi, Melocotoeiro, Pexegueiro e Piñeiro
   

Mar30

Viña, Maceira, Kiwi e Camelia
   

Mar22

Viña
   

Mar20

Viña
   

Mar12

Melocotoeiro, Ameixeira, Kiwi, Camelia e Eucalipto
   

Feb02

Eucalipto
   

Feb02

Piñeiro
   

Ene23

Buxo, Cítricos, Froiteiras e Viña
   

AVISO FITOSANITARIO

19/07/2012

VIÑA Estado fenolóxico: K (grans tamaño chícharo) - L (peche do acio)
Mildeu:

Durante a pasada fin de semana continuaron a rexistrarse condicións de infección e esporulado. Deste xeito, nas plantas control (sen tratamentos) xa vimos novas manchas, mesmo abundantes, e novos síntomas tamén no acio, pola rapidez do ciclo da enfermidade nesta época. Nas plantas sometidas a tratamento nas nosas parcelas, só comezan a aparecer novas manchas naquelas que non foron tratadas dende hai tempo. Aínda así, seguimos recibindo consultas de ataques de mildeu larvar no acio que, segundo nos informan, se observan tras facer o esfollado, e que probablemente proveñan de intervencións anteriores pouco eficaces. As previsións meteorolóxicas anuncian condicións secas e estables para os vindeiros días, o que, unido ás elevadas temperaturas que se están a rexistrar, serán desfavorables ao avance da enfermidade. Polo tanto, en xeral non é necesario tratar, pero si manter a vixilancia.

Malia a recomendación xeral, debido a que o mildeu aínda pode afectar ao acio, naquelas fincas nas que se observen síntomas non controlados haberá que renovar, sen demora, os tratamentos


O pasado martes día 17 chegáronse a superar os 30ºC durante varias horas nalgunhas estacións meteorolóxicas (cunha máxima de 37,8ºC en Cequeliños -Arbo- segundo os datos de Meteogalicia), situación que en teoría debilita os esporanxios de fungo. Tamén dende ese día a humidade relativa media rolda o 55-60% e non hai humidade foliar, o que debe impedir o avance das novas infeccións. Non obstante, é necesario comprobar no campo estes feitos, pois só se cumprirán se estas cifras se rexistran a nivel da vexetación


En boa parte das viñas xa se realizaron esfollados e podas en verde pero aínda se observan fincas co exceso de vexetación derivado das chuvias desta campaña, e tamén mesmo coa vexetación dos camiños demasiado desenvolvida, o que dificulta a aireación dos acios que é necesaria para reducir a incidencia das enfermidades fúnxicas


Vista parcial de planta testemuñaO exceso de vexetación das parcelas debe ser eliminadoViña de albariño recén esfollada
Oídio:

Grans de albariño con micelio incipiente de oidioNesta semana vimos dous acios nas nosas parcelas de seguimento de Castrelo e de Eiras onde empezaba a observarse o micelio do fungo en dous grans. Nas demais fincas non vimos síntomas, nin sequera nas plantas control. En "grans tamaño chícharo" a uva é moi sensible ao fungo, polo que cómpre tratar a menos que o acio estea protexido por unha intervención anterior.



Hai que ter en conta que o fungo atopa as súas condicións máis favorables de desenvolvemento con temperaturas altas e humidade. A humidade relativa na nosa zona adoita ser sempre bastante elevada, suficiente para garantir o desenvolvemento, co que tras estes días de calor é moi importante poñer a máxima atención e tratar se é necesario co fin de evitar a extensión da enfermidade, xa que o oídio é extremadamente difícil de controlar unha vez na viña


O esfollado e a eliminación do exceso de gromos das viñas son prácticas culturais que tamén contribúen ao control do fungo ao incrementar a iluminación e reducir a humidade relativa no ámbito dos acios


Botrite:

As condicións máis estables que comezan a rexistrarse non favorecen a instalación do fungo nos acios. Aínda así, e como referimos no aviso anterior, nas variedades máis sensibles que todos os anos adoitan presentar danos é conveniente aplicar un tratamento preventivo neste estado da uva, máis tendo en conta as chuvias que se produciron.

Na instalación do fungo na uva é determinante a presenza de lesións; se existen estas feridas na parte interna dos grans, estas zonas quedarán inaccesibles á maioría dos funxicidas tras o peche do acio


No caso de aplicar este tratamento preventivo, pode dirixirse unicamente aos acios


Black rot:

Non observamos avance algún na presenza de síntomas da enfermidade na nosa parcela do Condado, probablemente debido ás condicións máis desfavorables que se están a rexistrar nesta semana.

Polillas:

Trampa delta para o seguimento do voo de Lobesia botrana instalada a principios da campañaPosta de Lobesia botrana en acio de AlbariñoNesta semana incrementáronse lixeiramente as capturas de Lobesia botrana nalgunhas das nosas parcelas de seguimento, pero as cifras de machos recollidos continúan a ser moi baixas. Tampouco observamos novas penetracións larvais (nin postas). A tendencia de clima estable pode favorecer o incremento das poboacións, aínda que é ben certo que as temperaturas tan altas que se están a rexistrar son desfavorables ao secar as postas, polo que en xeral non é necesario tratar.

Non é conveniente aplicar insecticidas fronte a esta praga a menos que sexa realmente necesario. Ademais, teñan en conta que moitos dos produtos dispoñibles no mercado se dirixen ao control dunha/s fase/s concreta/s de desenvolvemento, polo que só terán eficacia aplicándoos no momento oportuno. Por iso, é conveniente a instalación de trampas, xa que unha recomendación de tratamento xeneralizada non sempre é xustificable para todas as situacións


Cicadélidos:

Nas nosas parcelas de seguimento a situación en canto a capturas nas trampas e presenza de ninfas nas follas continúa estable. Malia a este feito, lembren que a contía das poboacións pode ser variable mesmo entre parcelas da mesma comarca, aínda que tampouco convén aplicar tratamentos se o número de insectos non supera o limiar de tolerancia.


Altica:

Nesta semana xa non observamos novos síntomas.

Ácaros:

Preparación microscópica do fitoseido Typhlodromus pyriSeguimos sen observar síntomas de ácaros e sen encontrar formas móbiles ou postas nos controis que realizamos semanalmente ás follas. Aínda así, non de viña senón de maceira (ver abaixo), recibimos a primeira mostra con presenza de Panonychus ulmi, especie que tamén pode atacar á vide polo que se recomenda incrementar a vixilancia.




Novamente temos que insistir en que non se deben aplicar tratamentos acaricidas a menos que se confirme a presenza dos ácaros nocivos para non prexudicar aos fitoseidos, os principais inimigos naturais destas pragas


MACEIRA
Moteado:

Coa elevación da temperatura e o descenso na humidade relativa o risco de infección redúcese sensiblemente. Malia a isto, débese manter a vixilancia, pois o fungo pode afectar aos froitos ata o momento da súa recolección.

Cydia pomonella:

Volveu superarse o limiar de tolerancia en dúas das nosas parcelas de seguimento. Lembren que o nivel a partir do que se debe tratar é de 3 adultos por trampa e semana e que o voo desta especie é continuo.

Pulgóns:

O cambio rexistrado na climatoloxía pode favorecer a proliferación de novas colonias das diferentes especies de pulgón. Lembren que o pulgón cincento pode deformar os froitos e que o pulgón laníxero pode causar danos importantes á planta (o pulgón verde é o menos nocivo).

Colonias de pulgón laníxero en maceiraNinfas e formas ápteras de pulgón cinsentoColonia de pulgón verde con formigas acudindo á melaza que segregan
Araña vermella (Panonychus ulmi):

Panonychus ulmi - Formas móbiles en follaFemia de Panonychus ulmiRecibimos a primeira mostra con formas móbiles deste ácaro. Débese incrementar a vixilancia, máis considerando que o tempo seco e as temperaturas elevadas favorecen a proliferación das súas poboacións.




Como indicamos na viña, non se deben aplicar tratamentos acaricidas a menos que se confirme a presenza dos ácaros nocivos e que estes superen os niveis de tolerancia para non prexudicar aos seus inimigos naturais fitoseidos


PLANTAS ORNAMENTAIS

O tempo estable pode favorecer a aparición de pulgóns e doutros insectos chupadores como cochinillas. Debido a que algúns destes insectos segregan melaza sobre a que poden instalarse fungos de fumaxina, cómpre incrementar a vixilancia.

Colonia incipiente de Toxoptera aurantiiChloropulvinaria floccifera (Cochinilla algodonosa da camelia) - Colonia e negriña asociada Ninfas de Aleurothrixus floccosus
PLÁTANO DE SOMBRA
Tigre do plátano (Corythuca ciliata):

Ninfas e adultos do tigre do plátanoNas alamedas e paseos do sur da provincia estanse a empezar a observar os síntomas do ataque deste insecto, que pode comprometer o valor ornamental das árbores e mesmo provocar a caída temperá da folla. Os produtos rexistrados para o seu control no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio son alfa cipermetrin 10% [EC] P/V, deltametrin 10% [EC] P/V e deltametrin 2,5% [EC] P/V.