Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase as novas da nosa páxina web Suscríbase as novas da nosa páxina web

RESUMO FITOSANITARIO DA CAMPAÑA 2013. VIÑEDO

Como todos sabemos, en xeral a campaña 2013 foi bastante benigna no que a presenza de enfermidades e pragas no viñedo se refire, a pesar de que no seu inicio houbo unhas condicións meteorolóxicas con moita choiva que facían pensar no contrario. Desta forma a colleita foi boa (cun rendemento medio de entre 8.000 e 9.000 Kg/ha) e só as choivas de setembro, que fixeron atrasar a vendima, impediron que fose mellor debido ós raxados de uva que se produciron e ás perdas debidas á botrite e ás podremias acedas.


MILDEU

Tras un inverno suave e moi chuvioso (con precipitacións entre outubro de 2012 e febreiro de 2013 de entre 900 e 1.200 mm segundo a comarca), a maduración da oospora produciuse o día 2 de abril (estado fenolóxico D -follas incipientes-), dez días despois que na campaña anterior. Desde esa data houbo precipitacións en todas as xornadas ata o día 15 (entre 100 e 150 mm segundo a estación), momento no que ademais empezaron a cumprirse nas primeiras leiras as condicións necesarias para a contaminación primaria (10 °C de temperatura, 10 mm de choiva, 10 cm de desenvolvemento do brote).

As primeiras manchas de aceite apareceron o día 25 de abril (estados fenolóxicos: F -acios visibles-, G -acios separados-) en dúas parcelas do Salnés e en dúas do Condado aínda que, delas, aparentemente só unha empezaba a esporular. Estas manchas xurdiron en leiras con especial desenvolvemento do brote, que non era o máis habitual neses momentos. De feito, baseándonos en datos das estacións meteorolóxicas de Meteogalicia, nese momento o período de incubación teórico do fungo segundo Goidanich aínda se atopaba entre o 60 e o 76%.

Plasmopara vitícola - Maduración da oospora Plasmopara vitícola - Síntomas incipientes en folla
Con posterioridade foron aparecendo síntomas iniciais noutros viñedos, sempre sen importancia, ata que entre o 6 e o 9 de maio (estado H -botóns florais separados-) se produciron condicións moi favorables á enfermidade que levaron á aparición xeneralizada de manchas esporuladas en todas as comarcas da provincia. Estas manchas tiñan a característica común de que se centraban na base dos pampos, situación que se mantivo durante certo tempo.

Mancha de mildeu na folla da base do pampo Esporulado observado nas novas manchas de aceite Mesmo nas manchas antigas apareceu nova esporulación
Na terceira semana de maio volveu rexistrarse unha elevada precipitación, aínda que con temperaturas relativamente baixas, e o día 29, coa viña iniciando a floración, atopáronse zonas de avance en manchas de aceite antigas de todas as comarcas, mesmo nalgunhas leiras onde se aplicaban tratamentos por calendario. Con todo, esta manifestación da enfermidade tampouco foi xeneralizada e controlouse cos tratamentos realizados.

Numerosas manchas de aceite en folla nova Manchas de aceite con zona de avance
Desde o mes de xuño xa non houbo infeccións destacables, e por momentos non había nin sequera síntomas en plantas testemuña sen tratamentos. De feito, como é sabido, practicamente non se rexistraron precipitacións ata a última semana de setembro. A seca rexistrada provocou que xa o 16 de agosto se alcanzase a cor de maduración (pintado ou envero) en todas as comarcas e que polo tanto xa non aparecesen desde entón síntomas sobre os acios.

Vista parcial de plantas testemuña a 24 de xullo de 2013 (comarca do Condado)
Desta forma, nesta campaña non se produciron perdas debidas a esta enfermidade (só se rexistraron algunhas moi puntuais entre finais do mes de maio e inicios de xuño nalgunhas leiras). Tampouco o número de aplicacións foi elevado debido ó tempo seco que se rexistrou: os viticultores consultados aplicaron entre 11 e 14 tratamentos; coa técnica aplicada por nós (Loita Oportuna Adaptada) foron entre 4 e 7 segundo a parcela.

OÍDIO

En ningún momento da campaña se produciron danos debidos a esta enfermidade, cuxa incidencia foi baixa este ano. O 3 de maio ("acios separados") detectáronse os primeiros síntomas nunha planta dunha variedade tinta moi sensible ó patóxeno, o que supuxo un adianto de case un mes en relación á campaña anterior. Nese momento iniciáronse os tratamentos, se non comezaran xa, nas leiras con plantas de variedades sensibles.

Micelio de oídio na cara da folla de variedade tinta Micelio de oídio na cara dunha folla de variedade tinta Crispado de follas por ataque de oídio
Os primeiros signos do patóxeno nas folla de albariño non apareceron ata máis dun mes despois, coa viña iniciando a floración ou xa empezando o callado nas zonas máis adiantadas, e nese momento recomendouse un tratamento xeneralizado. Posteriormente, a finais de xuño apareceron novos síntomas na folla e nos pampos de variedades tintas e tamén de plantas testemuña de albariño, neste caso en todas as comarcas, aínda que a súa intensidade non foi elevada.

Uncinula necator - Oídio, Primeiros síntomas en folla Manchas de oídio en folla de albariño Ataque de oídio en pampo de variedade tinta Sintoma de oidio en pampo
A súa presenza incrementouse considerablemente en variedades sensibles a mediados de xullo debido a unhas condicións ambientais moi favorables, recomendándose renovar as intervencións. Tamén neste momento se detectaron os primeiros síntomas en acios de albariño, que se incrementaron novamente a semana seguinte e, posteriormente, a principios de agosto.

Oídio en acio en estadio grans tamaño chícharo Uncinula necator (Oidio da Viña) - Oidio en estado peche do acio
Desde ese momento, xa coa uva en "pintado (envero)-maduración", o patóxeno só se instalou sobre os acios que xorden nos brotes coñecidos como netos e nalgunhas follas. Na fin da campaña, xa sen tratamentos, si se rexistrou un aumento importante na sintomatoloxía.

BOTRITE

Na segunda semana de maio (coa viña no estado de "botóns florais separados") e debido a que se rexistraron precipitacións e ventos fortes que provocaron roturas na viña, detectáronse os primeiros síntomas nas follas, aínda que só puntualmente e nalgunhas zonas.

Planta con síntomas de botrite nalgunhas follas Rotura de folla e síntoma de botrite Esporulación de botrite na folla
Xa despois da floración, a mediados de xuño e debido á elevada humidade relativa que se rexistraba, recomendouse unha aplicación unicamente sobre variedades sensibles co obxectivo de prever posibles danos á uva debidos á permanencia dos capuchóns florais adheridos ós grans.

Botrytis cinerea - Capuchóns florais adheridos a grans Frutificacion de botrite sobre capuchóns no estremo do acio
No resto do mes e durante boa parte de xullo as condicións ambientais non favoreceron o patóxeno, pero ó redor da terceira semana si que houbo humidade foliar, aínda que en xeral non se estimou necesaria a realización dun tratamento debido a que a uva se atopaba nun estado sanitario excelente e, polo tanto, sen feridas que favorecesen a instalación do fungo.
Xa a finais de xullo e a principios de agosto (peche do acio), debido a unha humidade elevada unida a altas temperaturas nocturnas, a un incremento nas penetracións de couza e á presenza de raxados fisiolóxicos nos grans, recomendouse unha intervención preventiva porque se observaron as primeiras uvas afectadas.

Este rachado fisiolóxico é unha ferida sobre a que se pode instalar botrite Ataque incial de Botrytis Cinerea en acio de albariño. Obsérvese: (frecha A) micelio incipiente do fungo; (frecha B) a penetración da traza Gran de uva con ataque de botrite
Desde entón xa non houbo condicións favorables ata as choivas da última semana de setembro, que provocaron roturas na pel dos grans debido ó inchado da uva tras unha prolongada seca. Esta situación, unida ó incremento das penetracións de couza e á ausencia de tratamentos, provocou a aparición de perdas debidas ó fungo que, nalgunhas leiras e segundo nos informaron, chegaron a alcanzar o 25% da colleita potencial.

BLACK-ROT

Black rot - Detalle da mancha mostrando picnidiosNesta campaña a incidencia da enfermidade foi reducida, a pesar de que nos primeiros meses houbo condicións favorables en varios períodos. Os primeiros síntomas apareceron ó redor da segunda semana de maio, na comarca do Condado, e desde entón só se observaron pequenas variacións a nivel das follas, pois nos acios non houbo presenza, nin sequera nos de plantas testemuña sen tratamentos.





COUZAS DO ACIO

Na campaña 2013, as capturas de Lobesia botrana nas trampas de feromonas non foron de todo regulares no conxunto das nosas parcelas de seguimento, aínda que si podemos situar os picos de voo das tres xeracións do insecto ó redor da metade de maio para a primeira xeración, a mediados de xullo para a segunda e a finais de agosto para a terceira. A detección dos primeiros glomérulos tivo lugar nos primeiros días de xuño; desde entón, apenas houbo indicios de actividade larval ata a última semana de xullo, na que se incrementou o número de penetracións nos grans, e xa posteriormente no mes de setembro. Segundo nos informaron técnicos e viticultores precisamente foron as penetracións tardías deste momento as máis abundantes da campaña e contribuíron á instalación de botrite nos grans tras as choivas.

Glomérulo- actividade larval de primeira xeración de couzas Eiruga de Lobesia botrana en glomérulo Grans atacados por larva de traza Penetración de couza dentro do acio
Canto á Eupoecilia ambigüella, unicamente tivemos capturas en tres parcelas da comarca do Salnés; en dúas delas recolléronse adultos unha única vez (3 e 14 individuos respectivamente), mentres na outra (Tremoedo), tras capturar en maio 6 adultos, o resto de capturas repartiuse ó longo de xullo, cando ademais houbo un lixeiro pico a metade do mes.

Eupoecilia (Clysia) ambigüella en base engomada Machos de Eupoecilia ambigüella capturados en base engomada de trampa de feromonas
Nas parcelas da nosa rede realizamos unha soa aplicación coincidindo co pico de capturas de Lobesia botrana da segunda xeración, e non en todas as leiras.

CICADÉLIDOS

As poboacións das diferentes especies de cicadélidos poden variar significativamente entre parcelas, pero nas da nosa rede de seguimento non tivemos, en xeral, capturas importantes de Empoasca vitis, rexistrándose máis de Zygina rhamni, especie que non ten incidencia sobre o viñedo. Tampouco este ano recollemos ningún adulto de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada da vide que todos os anos recolliamos no Condado. A ausencia de capturas tamén tivo lugar nalgunhas zonas do norte de Portugal.

Capturas de Zygina rhamni en trampa amarilla Capturas de cicadélidos con Zygina rhamni como especie dominante
ÁCAROS

Do mesmo xeito que ocorreu na campaña anterior apenas houbo incidencia de ácaros nocivos neste ano. Os primeiros síntomas confirmados de acariose (Calepitrimerus vitis) víronse a finais do mes de xuño; desde entón houbo pequenos focos pero en xeral sen importancia. Pola súa banda, de Panonychus ulmi só se atoparon poboacións puntuais no mes de agosto na comarca do Salnés.

Detalle de gromo con dano causado por Calepitrimerus vitis Femia de Panonychus ulmi
OTROS

Enfermidades da madeira.- Do mesmo xeito que o ano anterior, volveuse notar un incremento na presenza destas enfermidades, sen ningunha dúbida debido á súa transmisión entre plantas coas prácticas de poda. Os primeiros síntomas empezaron a ser visibles no mes de xuño debido ás temperaturas elevadas que se estaban rexistrando e, desde entón, estivemos recomendando que fosen marcadas para seren podadas illadamente, xa que de momento continúa sen haber outro medio de limitación.

Síntomas característicos de patoloxía da madeira Planta con síntomas de patoloxías da madeira marcada para o seu tratamento diferenciado na poda
Altica.- Novamente volveu a haber indicios da presenza desta praga na nosa parcela de seguimento do Condado, pero non tivo maior transcendencia.

Larvas de Altica quercetorum en folla de viña Adulto de Altica quercetorum en folla de vid