Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Áreas de Traballo » Edafoloxía » Diagnóstico de Fertilidade


Diagnóstico de Fertilidade

Ofréceselles ós agricultores e ós técnicos de explotacións agrarias un servizo de diagnóstico nutricional dos cultivos, baseado fundamentalmente na análise química do solo: proba obxectiva primaria, pero acudindo tamén ás medidas complementarias de diagnóstico: análise foliar, observación dos síntomas, exame dos solos e coñecemento da súa tipoloxía; con todo iso se procede a asesorar en termos da fertilización ou emendas que se estiman necesarias para adecuar o solo ás esixencias de cada un dos cultivos. En relación con esta actividade realízanse anualmente arredor de 2000 análises básicas de solos, ademais das probas especiais que se consideran necesarias nalgunhas situacións concretas.

Coa análise do laboratorio e toda a información que se solicitou efectúase unha interpretación dos niveis e tamén se propoñen medidas particulares para a corrección dos solos, ben sexa encalando, ben subministrando fertilización orgánica ou diferentes fórmulas de fertilizantes minerais. Esta parte do informe é subxectiva, é dicir, efectúase unha proposta técnica tendo presente que existen diversas alternativas de fertilización ou corrección dos solos. A análise química é unha peza fundamental para o diagnóstico, pero non a única; en función do problema puntual acódese en ocasións ó diagnóstico visual e á análise foliar.

Ó diagnóstico de solos acoden fundamentalmente usuarios de Pontevedra, pero diversos produtores do resto da Comunidade tamén demandan o servizo, que se lles ofrece se a demanda interna está cuberta. O maior número de solos analizados destínase a viña e a froiteiras en xeral, pero tamén se pide consello para pradarías e millo forraxeiro, diversos cultivos de horta e invernadoiro, etc.

Ver no capítulo de análises edafolóxicas as correspondentes normas para a recollida de mostras, os datos básicos dunha análise e o resumo das técnicas analíticas empregadas.