Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Camelia » Prácticas culturais


PRÃCTICAS CULTURAIS




PINZADO E PODA DA CAMELIA

Estamos na época de pinzar e podar as camelias. Lembren que se queren reducir o crecemento anual débense eliminar as follas apicais dos novos gromos e deixar 2-3 follas da parte inferior de cada un para que nas súas xemas se forme a brotación que debe levar á flor na próxima floración.

A camelia é unha planta que acepta moi ben as podas, sempre e cando se respecte o tronco. As ramas pódense reducir todo o necesario. Tanto a poda como os pinzamentos débense facer canto antes para asegurarse que dea tempo á formación de novos gromos e a que se poida producir a indución floral durante os primeiros días da época estival.



COLLEITA DO TÉ

Xa estamos na época de colleitar o té. Desde primavera ata finais do verán, podemos recoller os gromos tenros da planta do té (Camellia sinensis) e elaborar facilmente té verde na casa.

Os gromos poden recollerse cada 15-25 días (dependerá da zona de cultivo) cando as follas estean ben desenvolvidas pero aínda tenras, brandas e de cor verde clara. Unha vez recollidos, débense deixar secar ao aire, axitándoos para eliminar a humidade exterior. Despois, as follas fréganse contra unha superficie para que os seus bordos se enrolen e liberen os principios activos. A continuación déixanse fermentar en bandexas nun sitio escuro e húmido durante un período de tempo (máis de 20 minutos) que determinará o tipo de té (verde, semifermentado ou fermentado). Finalmente, métense no forno a 90 ºC durante polo menos 30 minutos, ata que están totalmente secas. Pódese gardar en recipientes herméticos e illados da luz.

Para a súa preparación, encher unha teteira con auga fervendo. Baleirala, introducir o té (unha ou dúas culleradas por cunca) e verter auga a 70-80 ºC. Tapar a teteira e deixar repousar 2-3 minutos.