Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Agronómica » Cítricos » maio - agosto
Cítricos: Labores a realizar no período maio - agosto

Os labores culturais a realizar entre a primavera tardía e os meses estivais están encamiñados basicamente ao mantemento, aproveitamento, mellora do callado e a rega da plantación:

 
  • Tratamentos fitosanitarios

Augado (Phytophthora spp). Pode afectar á base do tronco, as raíces e as pólas. Os seus síntomas non son específicos e son semellantes aos que xera unha deficiencia nutricional. Un deles é a perda de follas na parte superior da copa, a máis distanciada das raíces. Ademais, pode observarse a secreción de goma (zume) sobre todo na época seca, en estados avanzados poden aparecer primeiro exsudados e posteriormente secrecións gomosas de cor escura (tinta) no tronco, pólas principais e secundarias. A consecuencia desta enfermidade, a árbore pode morrer. O control das patoloxías de raíz debe ser preventivo (mediante a aplicación de medidas culturais) e/ou químico. Entre as medidas preventivas deberanse realizar enxertos en patróns tolerantes e resistentes, plantar preferiblemente en solos francos, profundos e ben drenados (evitar que haxa auga líquida no solo), realizar un bo control das malas herbas, evitar no posible danos mecánicos nos troncos e raíces das árbores, etc. No tocante á aplicación de tratamentos fitosanitarios, estes poden efectuarse con funxicidas como fosetil-Al.


Formas ápteras de pulgón

Pulgóns (Aphis spiraecola, A. gossypii, Toxoptera aurantii, T. citricida). As poboacións destes insectos poden acadar os seus niveis máis elevados durante o período estival. No caso de que o ataque sexa incipiente, pode pulverizarse a árbore con auga con xabón. Se pola contra o ataque é máis intenso recoméndase a aplicación de insecticidas específicos.


Colonia de pulgóns en gromo


Minador dos gromos (Phyllocnistis citrella). Se é necesario, neste período poderanse realizar dúas intervencións insecticidas a finais do agromado de verán, espazadas en 10 - 12 días.

Síntomas de minador


Femia de cochinilla acanalada

Cochinillas (Ceroplastes sinensis, Saissetia oleae, Icerya purchasi, Planococcus citri, Coccus hesperidium, Lepidosaphes beckii e outras especies). Entre os síntomas que producen estes insectos chupadores están o amarelado, debilitado, e mesmo defoliación. A estes síntomas hai que engadir a instalación de fungos de fumaxina sobre a melaza que segregan algunhas especies. En xeral, aplicaranse tratamentos con aceite de parafina ou outros insecticidas rexistrados. As intervencións son eficaces sempre que se realicen cando se observe o maior número posible de larvas (estado máis sensible), xa que disto depende o 90% de eficacia do tratamento.

Colonia de Saissetia oleae


Negriña ou fumaxina. É un fungo que aparece na superficie das follas, as pólas e o tronco como unha película de cor negra cando a árbore presenta poboacións de pulgóns, cochinillas ou moscas brancas. A súa presenza dificulta a fotosíntese, xa que pode recubrir completamente as follas. O seu control é indirecto, e consiste en eliminar os insectos aos que se asocia.

Negriña


Moscas brancas. Son insectos chupadores que se alimentan do zume que extraen das follas. Son moi frecuentes en verán. Os primeiros síntomas da súa presenza son a propia aparición dos insectos e o amarelado das follas, que posteriormente poden secar e caer. Despois aparece a "negriña" sobre a substancia azucrada que segregan (melaza).

A especie máis frecuente, e a máis difícil de controlar, é Aleurothrixus floccosus. Os tratamentos realizaranse cando se comece a observar a súa presenza, e sempre dirixidos ao revés das follas, que é onde se alimentan. Adoitan ser necesarios varios tratamentos, espazados 10-12 días.


Signos da presenza de mosca branca


Ácaro "das marabillas" (Aceria sheldoni). Ataca especialmente ao limoeiro, tanto en verán coma noutras épocas, aínda que os seus danos se observan máis frecuentemente en verán xa que neste momento só necesita 15 días para completar unha xeración. O ácaro aliméntase no interior da xema e dana as brácteas e os primordios que darán orixe a follas, flores e froitos. Como consecuencia, provoca un ennegrecemento das xemas e a morte destas, así como a dos froitos en formación. Se os froitos continuaran co seu desenvolvemento, presentarían intensas deformacións.

Deformación causada polo ataque do "ácaro das marabillas"


Araña vermella. Esta praga, ao igual que outras, é típica do verán, xa que vese favorecida polas temperaturas elevadas. Os seus síntomas característicos son a aparición de descolorado en forma de pequenos puntiños nas follas e, cando as poboacións son abundantes, unha coloración amarelo - parda nas follas, coa conseguinte perda da actividade fotosintética. Os aceites que se empregan para o control de cochinillas poden reducir as poboacións da araña vermella, aínda que existen produtos específicos (consultar cos técnicos).

Femia de Araña vermella