Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase a las novedades de nuestra Página web Suscribirse a las novedades por correo electrónico

AVISO FITOSANITARIO

09/08/2013

VIÑA Estado fenolóxico: L Peche do acio - Nalgunhas viñas máis adiantadas da comarca do Condado: M Pintado
Mildeu:

Na revisión das parcelas da nosa rede do día 7 de agosto unicamente vimos síntomas da enfermidade nunha planta testemuña da comarca do Salnés e máis danos nos acios na mesma parcela. Con todo, coas condicións favorables xurdidas por mor das precipitacións do mércores pode esperarse a aparición de novos síntomas nos crecementos non protexidos e posiblemente naquelas leiras en que o período de protección do tratamento anterior estea próximo a concluír, sobre todo se se usaron funxicidas só de contacto. Nestes momentos a sensibilidade da uva á enfermidade é menor pero aínda poden producirse algúns danos ó non alcanzarse o pintado. Por este motivo, aconséllase realizar unha revisión do viñedo e renovar os tratamentos SÓ se aparecen manchas de forma xeneralizada ou se houbo anteriormente focos mal controlados en acio.


As diferentes previsións meteorolóxicas anuncian un tempo moi estable, temperaturas elevadas e ventos do norte para os próximos días, polo que os síntomas que poidan aparecer non deberían ser importantes


Manchas de aceite novas nunha planta testemuñaVista parcial de planta testemuña


Oídio:

Tamén no caso desta enfermidade só vimos novos síntomas en plantas testemuña do Salnés, tanto en folla coma en acio, e nos denominados acios "netos". Mesmo visitamos unha parcela que tivera un forte ataque e os acios aparecen completamente libres de novos signos. Coa proximidade do pintado (que sen dúbida se acelerará coas altas temperaturas) xa non se esperan danos na uva, polo que só é aconsellable realizar un último tratamento dirixido ó acio naquelas variedades moi sensibles sobre as que continúen aparecendo síntomas.


Folla nova de albariño con forte presenza do fungo Micelio do fungo no acio Empeza a aparecer oídio sobre os netos


Botrite:

Nesta semana observamos un incremento dos acios con presenza de botrite (aínda que lixeira) en dúas das nosas parcelas de seguimento. As condicións climáticas do mércores, que mantiveron humedecida a vexetación durante tempo, tamén xeraron condicións favorables á enfermidade. Con todo, as previsións meteorolóxicas anuncian o mantemento do clima estable durante días polo que é pouco probable que continúen aparecendo grans afectados. Recoméndase revisar os acios e, en caso de non efectuar ningún tratamento, realizar unha intervención se se atopan síntomas (micelio) ou se aparece unha alta porcentaxe de grans con indicios de penetracións ou con fendas.


En caso de realizar o tratamento este debe dirixirse exclusivamente ós acios. Con esta medida optimízase o control da enfermidade e redúcese o custo da intervención


Acio de albariño parcialmente afectado de botriteOrificio de penetración da couza e fenda de gran


Black rot:

Tampouco nesta semana vimos síntoma ningún, nin sequera en plantas testemuña da nosa parcela de seguimento do Condado, onde houbera síntomas da enfermidade na folla.

Couzas do acio:

As capturas nas trampas das nosas parcelas de seguimento mantéñense en niveis mínimos (ou ben non hai) e a presenza de grans con penetracións, cando os hai, é reducida. Lémbrase que NON é recomendable tratar a menos que se supere o limiar de tolerancia (3-5% de acios con penetracións en variedades sensibles a botrite e 5-8% no resto de casos). Ademais, agora é moi sinxelo localizar os acios afectados.


A pesar do recomendado débese manter a vixilancia posto que nos últimos anos a terceira xeración de Lobesia produciu algúns danos en certas leiras




Cicadélidos:

Os niveis de capturas de Zygina rhamni nas nosas parcelas de seguimento mantivéronse, aínda que aumentaron lixeiramente os de Empoasca vitis. Canto ós controis ás follas, a presenza de ninfas continúa estable. Antes de decidir aplicar un tratamento débese consultar ós técnicos, posto que nos últimos anos están a revisarse os limiares de tratamento e considérase que os danos causados son máis baixos do que se estimaba. Pola súa banda, non recollemos aínda os primeiros exemplares de Scaphoideus titanus, que na anterior campaña se capturaron na semana do 15 de agosto.

Todos os tratamentos que se lle apliquen ó viñedo deben responder a unha necesidade, e máis os insecticidas, xa que nas nosas viñas hai un complexo bastante importante de insectos e ácaros útiles que poden ser eliminados coas aplicacións continuadas


Capturas de Zygina rhamni nunha trampa amarelaCapturas de dúas especies de cicadélidos en dúas semanas Ninfa de Empoasca  vitis en envés da folla


Trips:

Nesta semana non vimos novos síntomas. Tampouco recibimos mostras na Estación con presenza destes artrópodos.

ácaros:

Picaduras de alimentación de Calepitrimerus vitis. Síntoma inicial de acarioseNesta semana tampouco recibimos mostras con presenza de ácaros. Das parcelas da nosa rede, só nunha planta do bordo dunha leira do Salnés atopamos dous individuos de Calepitrimerus vitis (causante da acariose), polo que imos incrementar a vixilancia. Lembren que unicamente a observación detallada do envés das follas permite comprobar a contía das poboacións e que non se deben aplicar tratamentos acaricidas a menos que estea xustificado.


Os tratamentos innecesarios poden eliminar os ácaros útiles presentes en moitas plantacións e favorecer con iso novos ataques


Outros.- Enfermidades da madeira:

Planta con síntomas de patoloxías da madeira marcada para o seu tratamento diferenciado na podaNalgunhas leiras continúa avanzando a presenza de plantas sintomáticas. A pesar de que dalgunhas plantas sen síntomas se pode tamén illar algún ou algúns fungos responsables destas alteracións, novamente insistimos en que se deben marcar polo menos todas as sintomáticas para o seu tratamento separado no momento da poda.


MACEIRA
Apigarado ("moteado"):

Manchas incipientes de apigarado A pesar de que o risco de apigarado existe ata o final da campaña, non atopamos novos síntomas nas nosas parcelas de seguimento. As condicións de clima seco que se prevén non favorecen as infeccións, polo que é pouco probable que aparezan síntomas.




Couza da maceira:

Capturas de machos de Carpocapsa  pomonella  nunha semanaFronte á semana anterior, superouse o limiar de tolerancia nunha das parcelas da nosa rede, concretamente na de Sanxenxo, onde recollemos 8 adultos. Con todo, en Areeiro non capturamos ningún, o que alude unha vez máis ás diferenzas que poden existir entre parcelas e á importancia da instalación de trampas para realizar un control adecuado da praga.







Xa é bo momento para instalar bandas-trampa de cartón ondulado nas maceiras para capturar as eirugas que se retirarán a invernar. Xeralmente, as eirugas refúxianse en fendas da cortiza da árbore ata a primavera seguinte. Por iso, colocando bandas de cartón ondulado ó redor dos troncos proporciónaselles un bo refuxio; ó retirar estas bandas no outono (outubro-novembro), e destruílas, elimínase parte da poboación nociva para a seguinte campaña. Na secuencia que segue móstrase o proceso de instalación:



Pulgóns:

Colonia de pulgón verde con formigas acudindo á melaza que segregan Despois dun período sen observar colonias de pulgóns, vimos esta semana algún brote illado con presenza de pulgón verde. Xeralmente, este áfido produce un dano máis estético que doutro tipo, polo que de momento carece de importancia.


Araña vermella:

Formas móbiles na folla Lembren que os tratamentos que se realicen fronte a este ácaro débense aplicar só se se supera o 40-45% de follas ocupadas para protexer á fauna útil.




CASTIÑEIRO
Tortrícidos do froito:

Na nosa parcela de seguimento deste ano apenas temos capturas nas trampas. Con todo, isto non ten por que suceder noutras zonas, polo que é aconsellable empezar a colocar xa as bandas-trampa de cartón ondulado para atrapar ás eirugas do tortrícido precoz, Pammene fasciana, que se retiran a invernar. De non instalar estas bandas, as eirugas refuxiaranse en gretas da cortiza ata a primavera seguinte, momento no que crisalidarán e nacerán novos adultos. ó retirar estas bandas no outono-inverno e destruílas, eliminarase parte da poboación nociva para a seguinte campaña.


Ourizo con danos por Pammene fascianaEiruga de Pammene fasciana no ourizoo


PIÑEIRO
Procesionaria:

Thaumetopoea pytiocampa (Procesionaria)- Macho de procesionaria en trampa de feromona Nesta semana volvemos a capturar adultos na trampa de feromonas da nosa parcela de seguimento, concretamente 11 machos.