Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase a las novedades de nuestra Página web Suscribirse a las novedades por correo electrónico

AVISO FITOSANITARIO

23/08/2013

VIÑA Estado fenolóxico: L Peche do acio - ( M Pintado – inicio-)
Mildeu:

As condicións climáticas dos días pasados non foron especialmente favorables a esta enfermidade, aínda que algunhas noites xa se rexistra humidade foliar de forma case continua e produciuse unha precipitación moi lixeira e/ou néboas densas en certas zonas. Con esta situación, nas plantas testemuña dalgunhas comarcas apareceron manchas de aceite sobre a vexetación nova (na nosa parcela testemuña do Salnés estas manchas aparecían esporuladas) pero non nas tratadas. Segundo as previsións, na próxima noite poderán producirse algunhas precipitacións dispersas pero despois tenderá a estabilizarse novamente a climatoloxía, co que esta infección non terá maior incidencia (ademais, os acios xa non son, na súa maioría, sensibles ó fungo).


Polo que se citou arriba, en xeral non se estima necesaria a aplicación dun tratamento. Con todo, se nos próximos días aparece un número elevado de manchas nos brotes en crecemento poderíase realizar unha intervención dirixida a esas zonas para evitar unha potencial defoliación antes da vendima


Novas manchas de aceite en planta testemuña do SalnésMildeu esporulado en parcela testemuña do Salnés Aspecto de manchas de aceite en planta tratada


Oídio:

Os síntomas atopados na revisión desta semana limitáronse tamén a follas e acios dalgunhas plantas testemuña.


Debido a que desde que empeza o pintado o fungo xa non afecta ó acio, e a que non está contrastado que a aplicación de tratamentos tardíos sirva para reducir a presión da enfermidade para a seguinte campaña, en xeral non cómpre tratar


Lembren que nas plantas que posúen moitos acios “netos” estes deben ser eliminados porque son sensibles ó oídio e o posible gretado da súa pel pode incrementar o risco de ataque de botrite se se dan condicións favorables ata a vendima


Oídio en acios ó comezo da cor de maduración Folla nova de albariño con forte presenza do fungo


Botrite:

Acio de albariño parcialmente afectado de botrite A partir deste momento, o aumento de azucres nas uvas incrementa o risco de ataque de botrite, que pode instalarse en grans con feridas, sobre todo de variedades sensibles. A presenza desta enfermidade está moi relacionada precisamente coa existencia de feridas, polo que non se pode achegar unha norma xeral de actuación. Con todo, hai que ter en conta que este ano está previsto que comece a vendima aproximadamente dentro dun mes; ó longo deste período poden producirse aínda condicións favorables, polo que aínda será conveniente aplicar un tratamento.


A pesar do citado anteriormente e tendo en conta que para os próximos días se agarda un clima seco, é máis conveniente esperar a aplicar este tratamento ata 21 días antes da vendima (empregando sempre un funxicida cun prazo de seguridade menor ou igual) ou ata a data límite de tratamentos fixada por cada adega (en caso de ser socio ou provedor dalgunha delas)


Couzas do acio:

Nas nosas parcelas de seguimento as capturas de machos da terceira xeración de couzas permanecen en niveis baixos. Con todo, notamos unha maior presenza de penetracións nalgunhas leiras, aínda que en ningún caso se acada o limiar do 5% do total de acios que xustificaría a aplicación dun tratamento.


Orificio de penetración de eiruga de couza Fíos de seda de couzas unindo grans en acio de albariño


Cicadélidos:

Detalle de capturas de cicadélidos en trampaAínda que aumentaron lixeiramente as capturas nas trampas da práctica totalidade de parcelas da nosa rede, a maioría dos adultos recolleitos foron de Zygina rhamni, non do mosquito verde Empoasca vitis.

Altica:

Larvas de Altica quercetorum en folla de viña Na revisión desta semana volvemos atopar algunhas larvas deste crisomélido nalgunhas follas da parcela de seguimento do Condado, pero sen maior transcendencia.

Ácaros:

Síntomas incipientes de erinose Nalgunhas leiras obsérvase unha coloración escura, bronceada, de parte da vexetación que non ten por que deberse a un ataque de ácaros, polo que sempre debe ser confirmada a presenza destes animais antes de decidirse a aplicar un tratamento. Das parcelas da nosa rede apenas existen poboacións moi illadas nalgunha leira, aínda que si se ollaron novos síntomas de erinose (Colomerus vitis) que non requiren tratamento.


Enfermidades de madeira:

Planta con síntomas de enfermidade de madeiraContinúa a aparición de plantas con síntomas que apuntan a enfermidades de madeira. Debido a que as podas son un factor decisivo na transmisión dos fungos causantes, recoméndase que estas plantas sexan marcadas agora que se diferencian ben para ser tratadas de xeito diferente naquel momento.


Golpe de sol:

Detalle de acio en maduración con golpe de solNalgunhas plantas con acios moi expostos e con síntomas por golpe de sol, os grans están a tomar un aspecto similar a unha podremia que de momento se debe exclusivamente á cor tostada da pel e ó engrosamento das uvas. Con todo, recoméndase vixiar a súa evolución, debido a que se termina rompendo poden favorecer a instalación de botrite.


MACEIRA
Apigarado (“moteado”):

Manchas incipientes de apigarado A potencial presenza de humidade foliar nalgúns momentos do día e da noite incrementa o risco de infección. En calquera caso, segundo as previsións meteorolóxicas, desde mañá día 24 manterase o tempo estable co que, de se cumprir, non se agarda un risco elevado nos próximos días.


Couza da maceira:

Carpocapsa pomonella - Penetración larval en froito da variedade goldenEste insecto pode afectar ás mazás ata o momento da colleita, polo que se recomenda non descoidar os tratamentos se se tiveron danos ó longo da campaña (respectar sempre o prazo de seguridade dos produtos empregados antes de recoller o froito).






LER MOI BEN A ETIQUETA DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA COÑECER O PRAZO DE SEGURIDADE E ASÍ SABER CANTOS DÍAS DEBEN TRANSCORRER ENTRE A APLICACIÓN E A RECOLECCIÓN DA FROITA. Ademais, a etiqueta informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos e outros.




Araña vermella:

Bronceado das follas debido ó Panonychus  ulmi En caso de existiren síntomas do ataque deste ácaro e de confirmar a súa presenza en niveis superiores ó limiar de tolerancia (40-45% de follas ocupadas), débese ter moi en conta que a selección do acaricida a aplicar debe estar condicionada polos prazos de seguridade.




FIGUEIRA
Mosca do figo/mosca da froita:

Mosca negra/Mosca Mediterránea - Larva en froito Lembren que no control destes insectos son moi importantes as medidas preventivas, como eliminar os froitos danados (evítase a evolución do insecto en/baixo as árbores) ou instalar trampas (mosqueiros) para a captura de adultos en voo.

CÍTRICOS
Mosca branca e cochinillas:

Algunhas árbores destas especies mostran unha forte presenza de fumaxina debido ó ataque de diferentes cochinillas e/ou de moscas brancas. Nestes casos é moi importante eliminar, mediante un tratamento con insecticidas autorizados, as poboacións destes insectos chupadores para evitar que siga instalándose o fungo e que con iso se vexa dificultada a fotosíntese e polo tanto a vitalidade das árbores.

Planococcus citri en mandarina Adultos de mosca branca en brote e fumaxina en base Ramillo de naranjo con ninfas jóvenes de mosca blanca


PATACA
Pulguiña da pataca (Epitrix similaris):

Restos de cultivo de pataca É normal observar os restos das plantas nas leiras que recentemente se cultivaron ou onde se están recollendo as patacas. Lembren que estes restos do cultivo deben ser ELIMINADOS para evitar que alberguen adultos de Epitrix similaris, praga de corentena sometida a regulación. Para máis información sobre o insecto consulte a nosa ficha técnica núm. 54 Epitrix similaris Gentner. Pulguiña da pataca