AntecedentesBursaphelenchus xylophilus
é o causante da enfermidade denominada decaemento súbito ou seca
dos piñeiros. Procede de Norteamérica, onde apenas produce danos
pois as especies de piñeiro autóctonas alí son resistentes
e as condicións climáticas non favorecen o seu desenvolvemento.
É un organismo de corentena na Unión Europea polo que as
administracións dos diferentes estados membros tomaron medidas para
previr a súa introdución mediante inspeccións e mostraxes.
Non obstante, en 1999 detectouse en Portugal, na zona de Setúbal, e
desde entón estableceuse un programa de control naquel país que
non logrou evitar a súa dispersión a outras áreas, o que
incrementou o risco de introdución en España. De feito, en 2008
detectouse unha árbore afectada na Sierra de Dios Padre
(Cáceres), que foi inmediatamente eliminada, así como varias
hectáreas de piñeiral do contorno. En Galicia detectouse en
novembro de 2010 nun rodal de
Pinus pinaster do municipio das Neves
(Pontevedra) como consecuencia das mostraxes intensivas que se levan
desenvolvendo desde hai máis de dez anos
O nematodo
patóxenoEn xeral, os
nematodos son animais
non visibles a simple vista, de forma
cilíndrica e estreita. Habitan en todos os ambientes; hainos de vida
libre, que adoitan ser típicos de ambientes húmidos como os
solos, e parasitos, tanto de plantas coma de animais. Posúen unha
especie de estilete (similar a unha agulla oca) que, no caso dos
fitófagos, lles permite alimentarse dos xugos celulares das plantas. Os
nematodos do xénero
Bursaphelenchus miden de 0,4-1,5 mm e
atópanse na madeira alimentándose de hifas de fungos. Ademais,
o
B. xylophilus aliméntase de células das árbores
polo que é parasito dos piñeiros. Para o seu transporte dunhas
árbores a outras están asociados a insectos que dun modo ou outro
se alimentan da madeira e que soen ser coleópteros
(escaravellos).
O insecto vectorinsecto vector Os
principais vectores de
B. xylophilus son coleópteros da familia
Cerambycidae (en xeral, os escaravellos de antenas longas) pertencentes
ó xénero
Monochamus. Dependendo do país as especies
citadas como transmisoras varían. En Portugal o vector é
Monochamus galloprovincialis, tamén presente en Galicia, polo que
é de esperar que este insecto sexa o transmisor na nosa comunidade. O
adulto de
M. galloprovincialis ten unha lonxitude de 17-25 mm, o seu
corpo é de cor parda negra e presenta manchas irregulares de cor gris.
As antenas son longas, máis nos machos pois sobrepasan amplamente a
lonxitude do seu corpo (nas femias só lixeiramente). As femias depositan
os seus ovos baixo a cortiza de árbores decaídas ou en madeira
recén apeada. As larvas son de cor branca marfil e sen patas; primeiro
aliméntanse da capa máis superficial da madeira e conforme avanza
o seu desenvolvemento penetran máis ó interior, onde seguen
alimentándose ata pupar nunhas cámaras de pupación para
transformarse en adultos. O ciclo do insecto complétase nun ou dous
anos.
A transmisión da enfermidadeProdúcese tanto a través da posta de ovos do
insecto en árbores debilitadas ou enfermas coma a través da
súa alimentación. No primeiro caso, se a árbore na que se
realiza a posta está infectada, o estado de dispersión do
nematodo diríxese ás cámaras de pupación de
Monochamus e adhírese ó seu corpo, de maneira que cando
emerxen os coleópteros os adultos levan os nematodos. A
transmisión por alimentación prodúcese cando os insectos
recén emerxidos se nutren dos ramillos novos dos piñeiros para
madurar sexualmente: os nematodos entran neles a través das feridas de
alimentación. Outro tipo de transmisión pode deberse ó
home, a través do comercio de produtos madeireiros con presenza de pupas
de
Monochamus e do nematodo
Danos e condicións
necesariasAs árbores comezan a
manifestar síntomas similares a unha seca unhas tres semanas despois da
infección debido a que os nematodos bloquean os canais de resina.
Ademais, as árbores debilitadas atraen a máis insectos que se
alimentan de madeira, o que intensifica o dano. A morte do piñeiro pode
ocorrer ós 30-40 días despois da infección. Para que se
desenvolva a enfermidade é necesario que na zona existan
condicións de temperatura suficientes, por encima de 20º C nos
meses máis calorosos do ano. As especies forestais susceptibles a esta
enfermidade son principalmente coníferas do xénero
Pinus,
podendo ser atacadas outras coníferas dos xéneros
Larix,
Abies, Picea e
Pseudotsuga.
Hai
que ter en conta que os síntomas que produce non son exclusivos de B.
xylophilus e pódense deber a outros problemas sanitarios e
fisiolóxicosMedidas de controlA Comisión Europea, a
través de diferentes decisións, establece as medidas de
actuación que se deben tomar unha vez que se detecta a praga. A
Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, segundo o previsto na
lexislación europea, estableceu dúas áreas de
intervención: a "zona de erradicación", dunha extensión de
1,5 km de radio ó redor do foco de detección no que se
realizarán labores de erradicación e destrución das
árbores de todas as especies sensibles (labores que xa se iniciaron); e
a "zona demarcada", dun radio de 20 km ó redor das coordenadas do punto
positivo, no cal se eliminarán as árbores mortas que puidesen
atraer o vector, co que se pretende limitar o avance da enfermidade. Ademais,
tamén se realizarán prospeccións para determinar a
extensión real da enfermidade. Por outra parte, prohibiuse a
saída da zona de erradicación e demarcada de plantas, madeira,
embalaxes e residuos de madeira de especies sensibles sen control oficial. Como
medida de control do insecto vector vaise realizar un trampeo masivo ó
redor do foco mediante a instalación e o seguimento de trampas de
embudes múltiples e de ventá cruzada cebadas con feromonas
específicas e non específicas unidas a volátiles de
piñeiro. Ademais, como medida accesoria, é recomendable
poñer en práctica aquelas actuacións que leven a reducir
as poboacións do vector: manter un bo estado sanitario no monte
eliminando pés debilitados e moribundos, non deixar restos de corta no
monte, eliminar os montóns de madeira do monte no período de voo
do vector (ou descortizar os troncos se hai que deixalos, etc.). O nematodo
pode considerarse erradicado se durante un período de tres anos non se
producen positivos na zona demarcada, co que é moi importante adoptar e
respectar as medidas mencionadas.