Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

28/04/2011

VIÑA Estado fenolóxico: G (acios separados)
Mildiu:

A pesar de rexistrarse condicións favorables á enfermidade en días pasados, esta semana non atopamos novas manchas. As previsións meteorolóxicas anuncian novamente precipitacións desde o venres 29 ata ben entrada a semana próxima polo que volverán darse condicións para a infección. Nesta situación de inestabilidade climática, e considerando ademais que a viña se atopa en pleno crecemento e que os acios están nun momento de extrema sensibilidade, o máis recomendable é manter a protección utilizando un funxicida penetrante ou un sistémico
Non se debe esquecer que aínda que os funxicidas penetrantes e os sistémicos non sofren lavado se as precipitacións se producen máis dunha hora despois do tratamento, as chuvias reducen o seu período de protección, o que debe terse en conta á hora de decidir o momento de renovar as aplicacións.

Couza do acio:
Adultos de Lobesia botrana
Na totalidade das nosas parcelas de seguimento incrementáronse esta semana as capturas de Lobesia botrana, con cifras comprendidas entre os 28 machos recollidos na trampa do Rosal e os 47 do Condado. Aínda así non é necesario tratar en xeral esta primeira xeración de couzas. Hai que manter a vixilancia



Cicadélidos:
Capturas de Zygina rhamni en trampa amarelaCicadélidos - Adulto de Zygina rhamni no revés
Ó igual que no caso das couzas tamén aumentaron sensiblemente as capturas de cicadélidos nas trampas amarelas. Das nosas parcelas de seguimento destaca neste sentido a do Rosal, onde é máis significativo o aumento de Zygina rhamni que de Empoasca vitis.



VARIOS
Pulgóns:
Colonia de pulgóns en camelia Brote de clementino con pulgón
As temperaturas altas e a aparición de brotes tenros favorecen a aparición de colonias de diferentes especies de pulgón, tanto en plantas hortícolas coma en arbóreas (froiteiras e ornamentais). Segundo a especie de áfido de que se trate e/ou a densidade das colonias pode ser recomendable tratar para evitar danos a follas e/ou froitos



PIÑEIRO
Monochamus galloprovincialis (vector do nematodo da madeira do piñeiro):
Adulto de Monochamus galloprovincialis
Esta semana superáronse os graos-día necesarios para que os adultos desta especie empecen a emerxer (de momento, nas trampas instaladas nos piñeirais non encontramos ningún). Isto implica o inicio do período de risco para a potencial transmisión do nematodo Bursaphelenchus xylophilus, que se detectou en Galicia a finais de 2010 e que desde ese momento está sendo obxecto dun plan de continxencia na nosa comunidade. Á marxe desta actuación dirixida pola Administración aconséllase que no resto de Galicia se poñan en práctica as medidas culturais necesarias para mellorar o estado fisiolóxico dos piñeiros, como eliminar pés debilitados, realizar claras, etc. Para máis información sobre o nematodo, o seu vector e estas medidas de control poden consultar a nosa ficha técnica número 56: "Bursaphelenchus xylophilus. Nematodo del pino".